Unha galiña da raza Mos dun criador de Riotorto (Lugo) e un galo dun criador de Mos (Pontevedra) gañan o concurso GandAgro.


Silleda, 7 de marzo de 2012. O II Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2012, que se celebra dende hoxe e ata o vindeiro sábado na Feira Internacional de Galicia, acolleu o II Concurso-Exposición da Galiña de Mos, no cal participaron 60 exemplares desta raza en perigo de extinción pertencentes a 17 criadores de distintos puntos de Galicia.
A galiña gañadora foi un exemplar de Riotorto (Lugo), pertencente ao criador Luís Fernández Fernández, mentres que o galo que se fixo co primeiro premio foi un animal de Mos (Pontevedra), propiedade de Alejandro Collazo Casal. Os segundos premios acadáronos unha galiña da vila de Mos, de Manuel Rodríguez Alonso, e un galo de Carral (A Coruña), de José Manuel Rama García.
En canto aos terceiros postos, foron para unha galiña de Val do Dubra (A Coruña), propiedade de Mariña Grille Negreira; e un galo de Vilalba (Lugo), de Francisco Monasterio Solveira.
Os 60 animais participantes tamén forman parte dunha exposición centrada en todas as razas autóctonas de Galicia en Perigo de extinción, a cal conta co apoio dos fondos Feader. Nela pódense ver ademais 21 exemplares de bovino, 10 de ovella galega, 20 de cabra galega, 4 de porco celta e 5 de cabalo de pura raza galega.